Las Diputaciones están por la labor de endosarle los parques comarcales de bomberos a la Xunta y que estos tengan una gestión pública


Versión ofrecida en nota de Prensa por la Xunta

XUNTA E DEPUTACIÓNS DANSE UN MES DE PRAZO PARA ANALIZAR A VIABILIDADE DUN CAMBIO DE SISTEMA DOS CONSORCIOS DE BOMBEIROS
  • O vicepresidente da Xunta considera fundamental a salvagarda dos traballadores e que a modificación sexa viable xuridicamente
  • Goberno galego e entes provinciais consideran que o sistema funciona ben, aínda que cren que se pode aínda avanzar e completar o mapa de emerxencias
Santiago, 12 de xaneiro de  2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro cos presidentes das catro Deputacións Provinciais - Valentín González da Coruña, Darío Campos de Lugo, José Manuel Baltar de Ourense e Carmela Silva de Pontevedra-, na que abordaron a situación dos consorcios provinciais de bombeiros e estableceron un prazo dun mes para analizar a viabilidade dun cambio de sistema na prestación do servizo. 

Na súa comparecencia antes os medios, o tamén conselleiro de Presidencia destacou que a Xunta está disposta a estudar a posibilidade de pasar de indirecta a directa a xestión dos parques comarcais de bombeiros e recordou que esta cuestión xa se tiña plantexado noutras ocasións con anterioridade, concluíndose entón que non era unha opción viable e que o sistema actual era o máis acaído. 

En todo caso, Rueda amosou a súa disposición a explorar esta posibilidade e avanzou que Xunta e Deputacións se dan un mes de prazo para analizar a súa viabilidade. En concreto, o vicepresidente quixo facer fincapé en que o fundamental para o Goberno galego é que este cambio de xestión sexa viable xuridicamente, que non supoña un maior custe ás arcas públicas e que non represente prexuízos para os traballadores. 

“Non é unha cuestión de ideoloxías”, enfatizou Rueda, que salientou que o sistema actual é un exemplo de coordinación entre Administracións e que por elas teñen pasado nestes anos responsables de distintas formacións -tanto nas distintas Deputacións como a nivel autonómico- e o modelo se mantivo invariable. 

Salvagarda dos traballadores
Nesa liña, o vicepresidente amosouse moi satisfeito co labor que levan a cabo os bombeiros comarcais galegos e coa súa profesionalidade e incidiu na necesidade de que se salvagarde o seu emprego, xa que o paso dun sistema de xestión indirecta a un sistema directo conlevaría previsiblemente a apertura dun proceso de seleccion no que pode non estar garantida a permanencia nos seus postos da totalidade do persoal que actualmente presta os seus servizos.

Precisamente, neste mes de prazo unha das labores que se levará a cabo dende Xunta e Deputacións é recabar informes para coñecer en que situación quedarían os bombeiros no caso de que o servizo pase a xestionarse directamente polas administracións. 

Avances no modelo
Tanto Xunta como Deputacións coincidiron en que o o actual servizo de extinción de incendios e salvamento funcionou ben e foi moi positivo, aínda que tamén consideraron que aínda se pode seguir avanzando. Así, unha vez se decida se se mantén o actual sistema ou se cambia, Xunta e Deputacións abordarán novos avances no modelo para completar o mapa de emerxencias e dotar de recursos que permitan completar de xeito satisfactorio o servizo na totalidade da nosa Comunidade. 


Actualmente, hai en Galicia 24 parques comarcais de bombeiros -aos que se sumará este ano un máis en Carballiño-, espallados por toda Galicia e organizados en torno a consorcios provinciais, nos que participan a Xunta e as distintas Deputacións. No eido das emerxencias, Administración autonómica, entes provincias e tamén os concellos colaboran así mesmo no mantemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que recentemente veñen de ser renovados por outros tres anos.


Versión ofrecida en nota de Prensa por las Deputacións de Pontevedra, Lugo y A Coruña

AS DEPUTACIÓNS DE PONTEVEDRA, LUGO E A CORUÑA PROPOÑEN Á XUNTA ESTUDAR A XESTIÓN DIRECTA DOS PARQUES CONTRA INCENDIOS

Silva, Campos e Gonzalez acordaron con Rueda elaborar dende as administracións informes sobre os custos e a situación do persoal para avaliar con datos obxectivos a posibilidade de cambiar o modelo de xestión

Tamén trasladaron ao Vicepresidente da Xunta a necesidade de ampliar o mapa de emerxencias de Galicia para dar cobertura ao 100% do territorio

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, propuxeron este martes á Xunta de Galicia estudar a xestión directa dos parques contra incendios e ampliar o mapa de emerxencias para acadar o 100% da cobertura. Fixérono nun encontro co Vicepresidente, Alfonso Rueda, no que tamén participou o Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. 

Os Presidentes das Deputacións luguesa, coruñesa e a Presidenta da institución pontevedresa defenderon a necesidade de elaborar informes técnicos e xurídicos sobre os custos e a situación do persoal dos parques para, en base a ditos estudos, avaliar con datos obxectivos a posibilidade de cambiar o modelo de xestión actual dos parques dos Consorcios Provinciais. “Como socialistas, é a nosa responsabilidade estudar, tanto dende o punto de visto xurídico como económico, se é viable recuperar o modelo de xestión pública das instalacións contra incendios”, destacou González Formoso. 

Como voceira dos tres titulares provinciais, Carmela Silva explicou que “os tres Presidentes socialistas expuxemos ao Vicepresidente da Xunta a necesidade de que se analice, con seriedade e en profundidade, a xestión directa dos parques dos Consorcios Provinciais, xestionados por Deputacións e Xunta, pois nós defendemos os servizos públicos”. 

“Consideramos que todo o que ten que ver co Consorcio de Incendios e de Salvamento é unha cuestión de interese xeral, así como un servizo público básico. Así mesmo, defendemos que a xestión directa é a máis axeitada. É certo que nos atopamos nunha situación na que se está prestando ese servizo a través da xestión indirecta e, aínda que todos valoramos que é positivo, tamén cremos que é mellorable.O propio Vicepresidente asumíu que o funcionamento podía ser mellor”, salientou Silva.

Neste senso, González e Campos salientaron que “os socialistas defendemos que a xestión directa é a máis axeitada para os servizos públicos desta entidade. O Vicepresidente da Xunta espuxo que non se nega á posibilidade da xestión directa, que é o que nós lle propuxemos, sempre que o seu custo non fose superior ao da xestión indirecta. Por iso, lle trasladamos a necesidade de que todas as administracións fagamos uns estudos detallados, non só sobre o prezo, senón tamén sobre o que isto significaría para o persoal que traballa nos parques”. 

Estudos xurídicos e económicos
Deste xeito, tal e como propuxeron os  Presidentes e a Presidenta, as administracións implicadas (as 4 Deputacións e a Xunta de Galicia) acordaron a realización de informes xurídicos e económicos para avaliar, “con seriedade e rigor, pois é fundamental á hora de tomar unha decisión final, a nosa proposta de cambio de modelo na xestión dos parques de bombeiros na defensa do público”, remarcaron. No prazo aproximado dun mes, haberá unha nova reunión para pór en común os primeiros estudos. 

Ampliación do mapa de emerxencias
Silva, González e Campos tamén expuxeron a Rueda a necesidade de que se peche o mapa de emerxencias de Galicia, xa que, sobre todo nalgunhas zonas rurais e de montaña,así como en pequenos Concellos, aínda non está pechado, hai reclamacións para sumarse e zonas sen cobertura. Precisamente a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo referencia as reclamacións de concellos da provincia como o caso do Grove, que non forma parte do convenio do GES e quere pasar a ser un membro activo e non ter un convenio individual. Así mesmo citou o caso de Ponteareas actualmente cun servizo de incendios propio e que quere formar parte do Consorcio. Outro caso é o de Redondela, que solicita que se estude a posibilidade de crear un novo servizo xa que dispón de instalacións e material e que só desprazando persoal de Vigo podería atender aos concellos de Pazos de Borbén, Soutomaior e Fornelos, ademais de Redondela. Carmela Silva tamén expuxo a petición dunha base de emerxencias para Terra de Montes que, dependendo do parque de Silleda en materia de medios e persoal, podería dar servizo a zonas escuras de Cotobade, Cerdedo, A Lama e Campo Lameiro

“OVicepresidente mostrouse sensible a esta petición que expuxemos. Polo tanto, unha vez que academos unha decisión sobre a xestión dos parques, poñerémonos a traballar para pechar o mapa de emerxencias e que a totalidade da poboación teña a máxima seguridade”, afirmou Silva.