6/1/16

Turismo Rías Baixas estrea conta en Instagram


As contas de Turismo Rías Baixas en redes sociais seguen un crecemento imparable, ata chegar ós máis de 25.000, dos cales 9.228 están en Facebook, máis de 16.172 en Twitter e 492 en Youtube

Turismo Rías Baixas conta dende este mes de xaneiro cunha nova canle de comunicación coa cidadanía: Instagram. A través desta rede social, o organismo turístico provincial transmitirá, de forma visual e a través de fotografías e infografías, información e recursos sobre o destino turístico Rías Baixas e cada un dos 62 concellos da provincia de Pontevedra.

A comunicación visual é esencial no sector turístico, polo que Instagram é unha rede social óptima para chegar ó público obxectivo da comunicación do destino. Ademais, desta maneira e a través das outras redes sociais de Turismo Rías Baixas, é posible establecer unha canle de información e manter unha relación directa coas usuarias e usuarios, mediante mensaxes públicas e privadas que funcionan como un centro de atención ó turista.


Na conta @turismoriasbaixas de Instagram divulgaranse, cunha frecuencia inicial de tres a seis publicacións semanais, as imaxes de recursos turísticos do destino, pero tamén haberá información sobre eventos, actividades, carteis e imaxes sobre elementos atractivos ou diferentes que poidan chamar a atención de distintos públicos. Incluirá tamén, gran parte dos contidos relacionados co Museo de Pontevedra e ademais compartirá imaxes doutros usuarios de Instagram, coa finalidade de achegar diferentes perspectivas e puntos de vista sobre un mesmo acontecemento.