24/2/16

A INICIATIVA DA XUNTA PARA ATRAER INVESTIMENTOS INDUSTRIAIS DE MÁIS DE 50 MILLÓNS, CLAVE PARA IMPULSAR A CREACIÓN DE 50.000 EMPREGOS ATA 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a Iniciativa Captación de Investimentos 4.0, que busca atraer investimentos de máis de 50 millóns de euros en Industria 4.0 e as súas tecnoloxías asociadas, como clave para impulsar a creación de 50.000 empregos ata 2020. Conde clausurou en Vigo a xornada Digitalización de la empresa. Transformando el modelo de negocio, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección, onde subliñou a iniciativa do Goberno galego como “a maior e máis ambiciosa aposta do Goberno galego pola Industria 4.0”, con retornos a longo prazo en termos de creación de emprego cualificado, investimentos e dinamización do tecido empresarial.

“É un incentivo de primeiro nivel para empresas líderes a nivel internacional, que permanecerá activo ata 2020”, dixo Conde, que resaltou que a Xunta achegará apoios públicos de entre o 25% e o 40% do custo da iniciativa, esixindo que as compañías interesadas realicen a industrialización e a comercialización de resultados dos seus proxectos en Galicia, subcontratando tamén parte do seu traballo aos centros tecnolóxicos galegos, co conseguinte impacto socioeconómico no noso tecido produtivo.

O conselleiro resaltou este programa como clave para os obxectivos da Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0: sumar eses 50.000 empregos, e incrementar o peso da industria sobre o PIB galego ata o 20%. “Apostar polo futuro é sempre rendible, pero agora, máis que nunca, é imprescindible”, defendeu, chamando ao tecido empresarial a adaptar as fábricas galegas á Industria 4.0, potenciando á súa dixitalización, “incorporando ás nosas fábricas o internet industrial das cousas, o Big Data, os novos sensores, a impresión 3D ou as últimas tecnoloxías robóticas”.

Esas son as ferramentas, salientou o Conde, “que nos permitirán apuntar a mercados que aínda están por facer, pero que rexerán a economía do século XXI”. Unha evolución que, sinalou, necesita de “grandes investimentos que fagan de elemento tractor, con grandes apostas pola I+D+i e a creación de emprego”. Neste senso, sinalou o revulsivo que supuxo para o sector do automóbil contar cun xigante como PSA Peugeot Citroën en Galicia, e resaltou que  esa é a mesma filosofía que o Goberno galego está a plantexar no polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, que ten como finalistas ás multinacionais Boeing, Indra, Airbus e Inaer. 

Conde defendeu as condicións de Galicia para captar investimentos e crear novas industrias. Neste senso, lembrou que segundo os datos do Banco Mundial, Galicia é a terceira comunidade autónoma de España na que é máis fácil abrir unha peme industrial. De cara a reforzar esa posición, lembrou, a Xunta ten activado medidas como as rebaixas o solo industrial, a posta en marcha o Plan de Banda Larga 2020 para industrias, ou a activación da Oficina Doing Business. 


No eido da fábrica intelixente, e como ferramenta deseñada especificamente para as pemes, Conde salientou a posta en marcha do Concurso de Ideas Industria 4.0, que investirá 4 millóns de euros en 4 proxectos demostrativos de tecnoloxía que buscan desenvolver os avances tecnolóxicos que necesitan as pemes dos sectores estratéxicos galegos.