8/2/16

A XUNTA GARANTE QUE REGANOSA SEXA MÁIS GALEGA EXERCITANDO O SEU DEREITO DE SUBSCRICIÓN PREFERENTE DE COMPRA DE ACCIÓNS

A Xunta de Galicia, tras o desinvestimento de Gasifica en Reganosa,  vén de exercitar o seu dereito de subscrición preferente de compra de accións para que a planta de Mugardos continúe tendo un capital maioritariamente galego. Desta forma, a Xunta faise cunha parte das accións de Gasifica –que era titular do 21% do capital-  por 8,9 millóns de euros, pasando dunha participación do 17,50%, ao 24,31% da composición accionarial da compañía. A operación complétase coas adquisicións, por parte de Gadisa e de Forestal del Atlántico, do resto de accións de Gasifica, acadando a primeira o 28,6% do capital social e a segunda o 22,53%. 
O Goberno galego mantén a súa aposta por este proxecto industrial estratéxico que supuxo un investimento en infraestruturas enerxéticas de mais de 1.000 millóns de euros. O obxectivo é blindar unha industria estratéxica, con importantes investimentos a medio prazo, e que está chamada a converterse no hub de GNL do norte peninsular, un mercado enerxético cun importante impacto noutros sectores como o naval, no eido da construción de novos buques subministradores de GNL, así como na reconversión de embarcacións. 
Tamén no ámbito portuario o tráfico de GNL supón un factor fundamental que xera ingresos por mais de 10 millóns de euros anuais así como unha oportunidade para o sector pesqueiro. 

Neste senso, a Xunta xa está a traballar con Reganosa, a Universidade, Navantia e a Autoridade Portuaria de Ferrol, no cumprimento da Directiva 2014/94/UE, de 22 de outubro de 2014, que recolle o mandato da Comisión Europea de crear unha rede de subministro de gas natural licuado como combustible no transporte marítimo. O esforzo céntrase no desenvolvemento das infraestruturas que permitan a creación dun hub de GNL, para aproveitar a situación xeográfica de Galicia e garantir a dispoñibilidade desta enerxía, a prezos competitivos, para a flota que utilice o sistema portuario galego. A implantación do proxecto suporá un programa de investimentos superior aos 150 millóns de euros e garantirá a implantación de tecnoloxías más limpas impulsando a competitividade de Galicia.