8/2/16

A XUNTA INCREMENTA AXUDAS ÁS ESCOLAS INFANTÍS E ÁS FAMILIAS PARA FACILITAR A CONCILIACIÓN E GARANTIR PRAZAS AOS NEN@S DE 0 A 3 ANOS

Rey Varela
A Xunta de Galicia mantén aberto durante toda esta semana e ata o vindeiro luns, día 15 de febreiro, o prazo para solicitar as axudas para o mantemento das escolas infantís de 0 a 3 anos de iniciativa social. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá no bario compostelán de San Lázaro as instalacións do centro escolar “Casa do Neno”  onde recordou que a contía da convocatoria deste ano incrementouse un 2% con respecto a 2015, superando por primeira vez os 3 millóns de euros  ata chegar a un total de 3.068.822.

Rey Varela explicou que estas axudas teñen como finalidade contribuír ao mantemento destas escolas infantís co obxecto de compensar os gastos producidos dende o 1 de xaneiro ata a data de xustificación, así como os gastos que figuren como abonados durante ese período nos conceptos de gastos de persoal, alimentación ou outros gastos xerais de conservación do centro. A través desta orde de axudas o Goberno autonómico garante o mantemento de 47 escolas infantís de iniciativa social e sen ánimo de lucro, o que equivale a unhas 2.700 prazas financiadas con fondos públicos.

A axuda anual para gastos de mantemento calcularase en función do número de unidades en funcionamento autorizadas da escola infantil de 0 a 3 anos e da prestación do servizo de comedor. Así, nos centros con servizo de comedor, a contía anual será de 18.873 euros para centros que teñan de 1 a 3 unidades; 18.011 euros para centros que teñan de 4 a 6 unidades; 17.149 euros para centros con 7 ou máis unidades; e por último, 15.340 euros para aqueles centros sen servizo de comedor. Co fin de dotar dunha maior liquidez ás entidades subvencionadas a convocatoria prevé un anticipo  do 50% cando a subvención supere os 18.000 euros e do 80% se é inferior a esta cantidade.

Apoio á infancia e ás familias
O titular da carteira autonómica de Política Social indicou que as escolas infantís “son un piar fundamental para avanzar cara a unha conciliación real da vida familiar, laboral e social”. Neste sentido, destacou que Galicia conta actualmente con máis de 20.500 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, de xeito que hoxe ofrecen cobertura a 1 de cada 3 cativos e permiten cumprir coa cobertura aconsellada pola Unión Europea (UE).

Pero ademais desta convocatoria dirixida ás escolas infantís de iniciativa social, o Goberno autonómico tamén avoga por incrementar as axudas directas aos pais e nais por medio do Bono Concilia. Ao respecto, Rey Varela adiantou que as familias galegas poderán solicitar esta axuda a partir do vindeiro mes de maio, que é cando se prevé a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). O Bono Concilia é un programa de axudas económicas directas ás familias para colaborar no pago dunha praza de escola infantil naqueles casos de solicitantes que non consigan nunha escola pública ou nunha financiada con fondos públicos; ou ben residan nunha localidade na que non existan prazas públicas.

Neste ano 2016 o crédito inicial desta axuda económica directa ás familias galegas ascenderá a 3,4 millóns de euros, o que supón duplicar a partida económica da convocatoria do exercicio pasado. Este reforzo económico do Bono Concilia permitirá aumentar ao longo deste ano en 1.400 máis o número de prazas públicas ou sostidas con fondos públicos en escolas infantís. O obxectivo é conseguir que non existan lista de agarda de cara ao vindeiro curso académico.

PAN Concilia
Este tipo de medidas enmárcanse dentro da área PAN-Concilia do Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia), un programa que procura dar resposta ás necesidades das nais e dos pais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo mediante axudas e incentivos fiscais para afrontar os gastos que supón o nacemento dun fillo ou filla, o desenvolvemento de medidas de conciliación que faciliten o acceso e a permanencia no mercado de traballo e a posta a disposición de recursos e servizos tanto sociais como sanitarios. Deste xeito o PAN estrutúrase en tres grandes áreas de acción como son o PAN-Axudas, o PAN-Concilia e o PAN-Servizos. 


O PAN-Concilia  alberga accións de sensibilización e medidas como o incremento de prazas na rede pública de escolas infantís, as casas niño, as axudas para accións de conciliación, o distintivo para establecementos que apoien á atención dos nenos e nenas, o Bono Coidado, o Bono Concilia, un proxecto para a apertura de escolas infantís en parques empresariais ou a aposta pola flexibilidade horaria e o teletraballo.