18/2/16

El Área Metropolitana de Vigo y la posición activa de la Xunta tratando de lograr el acuerdo pleno final

A Lei da área metropolitana de Vigo entrou en vigor no ano 2012, logo da aprobación polo Parlamento de Galicia o 10 de abril dese ano, o que supuxo un fito histórico coa posta en marcha da primeira Área Metropolitana de Galicia, un dos proxectos de cooperación municipal máis ambiciosos na nosa comunidade nos últimos anos. Os concellos suman esforzos e aumentan a calidade dos servizos públicos en beneficio dos cidadáns de Vigo e a súa comarca e mellorarán a suficiencia económica dos concellos a través dunha maior racionalización do gasto común.

A Área Metropolitana de Vigo configúrase como unha entidade local cuxo ámbito territorial está delimitado polos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo -que será a capital-; podendo ampliarse no futuro.

Os órganos principais da Área Metropolitana de Vigo son a Asemblea Metropolitana, a Xunta de Goberno Metropolitana, o Presidente e ata dous vicepresidentes; a Comisión Especial de Contas e a Comisión de Cooperación. Esta Comisión será a encargada de asegurar a xestión eficiente dos servizos de competencia compartida evitando as duplicidades.

O obxectivo do Goberno galego é buscar o maior consenso posible para posibilitar a definitiva posta en marcha da área. Para iso, levou a cabo unha rolda de reunións de traballo cos concellos da área metropolitana de Vigo, que deron comezo no pasado mes de outubro  co  concello de Fornelos de Montes, logo de enviar unha carta aos 14 concellos que conforman a Área, na que ían adxuntas as dúas alternativas formuladas polo Concello de Vigo, así como un cadro explicativo das diferenzas entre estas propostas, de maneira que todos os concellos da área poden analizar as propostas e facer as achegas  que consideren oportunas nestas reunións de traballo.

A rolda de reunións rematou o pasado mes de decembro e a primeira das conclusións que se extraeu das xuntanzas mantidas foi o convencemento profundo da maioría dos participantes sobre a necesidade de constituír de maneira efectiva a Área Metropolitana de Vigo, da que se derivarían importantes vantaxes para o conxunto da cidadanía.

Para acadar ese obxectivo, cómpre alcanzar un amplo consenso en torno a catro cuestións fundamentais que constituíron o núcleo esencial do debate. En primeiro lugar, a Gobernanza, debéndose atopar un punto de equilibrio nas demandas de representación de concellos de moi distinto peso poboacional. En segundo lugar, o financiamento, respecto ao que se demanda o mantemento da formula prevista no texto da Lei 4/2012, que garante a proporcionalidade das achegas realizadas polos concellos para o sostemento dos sistemas xerais da AMV.

O terceiro punto a consensuar é o relativo ao transporte metropolitano, ao considerar que constitúe o primeiro servizo básico que debe prestar a Área metropolitana, e que en si mesmo,  xustifica a súa existencia. Por último, a coordinación institucional, reclamando da Xunta e da Deputación Provincial un compromiso inequívoco no proceso de transferencia de competencias que deberán acompañarse dos recursos financeiros que as sustentan.

O pasado 3 de febreiro o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantiveron unha reunión cos 14 alcaldes dos concellos que forman parte da área metropolitana de Vigo para abordar a modificación da actual normativa en vigor e, máis especificamente, sobre a competencia do transporte metropolitano.

En declaracións aos medios ao termo da reunión, o vicepresidente explicou que a Xunta presentou no encontro a súa proposta “moi ambiciosa” para o transporte metropolitano, que pasa por unha xestión integral na que se inclúa tanto o urbano como o interurbano cuxo ámbito estea integramente dentro do territorio que forma a área. 

Rueda recordou que o propio Abel Caballero tiña proposto no seu día incluír o transporte urbano dentro do metropolitano, ao contrario do que está a manter agora. No mesmo sentido se manifestaron as Asociacións Veciñais de Vigo, que na Iniciativa Lexislativa Popular que presentaron e que constitúe o antecedente directo da Lei da Área Metropolitana de Vigo, solicitaban a inclusión do transporte urbano no sistema de transporte metropolitano. En canto ao Goberno galego, amosou a súa disposición a transferir todas aquelas liñas que transcorran integramente pola área, que poderían chegar a máis de 15 cando o ente supramunicipal se amplíe a máis concellos. 

A outra posibilidade, que defende o Concello de Vigo, pasa por que a área metropolitana xestione o transporte interurbano e que os concellos non cedan a parte urbana, quedando a coordinación en mans dun comité. Xunta e Concellos emprazáronse a estudar ambas propostas e tratar de lograr unha redacción do artigo da lei que satisfaga a todos. 

Finalmente, o vicepresidente valorou a disposición manifestada polo alcalde de Vigo a integrarse no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta, algo que cualificou de “acertado”.. 

Sobre outros temas, Rueda recordou que fallan aínda por pechar flocos na cuestión da gobernanza -onde a Xunta xa anunciou que aceptará a proposta de consenso á que cheguen os alcaldes- e tampouco está pechada a cuestión da participación da Deputación de Pontevedra na área.

Nos últimos días a Xunta de Galicia remitiu aos 14 concellos que conforman a Área Metropolitana de Vigo unha carta xunto ao texto no que se propón a modificación do artigo da Lei relativo ao transporte público de viaxeiros. 

O texto remitido concilia as posturas da Xunta e do Concello de Vigo redactando un documento que concita o sentir maioritario que expresaron os alcaldes. 

Neste senso, inclúese un comité de coordinación con competencias executivas que sexa quen de coordinar os dous servizos, con tres premisas básicas que son acadar a optimización do servizo do transporte público no ámbito da área, evitar duplicidades ou solapamentos no transporte e abaratar os servizos nunha dobre dirección: de cara ao custe que supón para as administracións públicas e de cara ao acceso ao mesmo para todos os cidadáns. 

Para conseguilo, ofrécese un comité de coordinación composto por tres representantes, un  da Xunta porque é a responsable de coordinar a súa vez as competencias de transporte que exceden o ámbito metropolitano, un daqueles concellos que non teñen transporte urbano e un un dos concellos que teñen transporte urbano e que, nestes momentos, correspondería a Vigo. Excluir á Xunta deste comité, tal e como pretende o concello de Vigo, equivale a excluir das ventaxas do transporte metropolitano aos usuarios de 12 contratos de xestión de servizos de transporte público de viaxeiros que discurren polos concellos de  Cangas, Moaña, Salvaterra do Miño, Salceda de Caselas, O Porriño, Mos, Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén ou Fornelos de Montes, ademais de por outros concellos que se poderían incorporar a Área metropolitana en pouco tempo, tales como Ponteareas, Mondariz, Covelo, A Cañiza,Tui, Vilaboa, Crecente, Arbo, As Neves ou Mondariz Balneario.

Así, dito comité tería coma funcións a coordinación sobre a ordenación de rutas, frecuencias, horarios e paradas así coma un asunto moi importante no que insistiron moitos alcaldes e que pasa por determinar as fórmulas de penetrabilidade do transporte. É dicir, establecer as condicións nas que ese transporte interurbano pode penetrar na cidade de Vigo e as distintas paradas que garantan un servizo óptimo para os cidadáns e, reciprocamente, establecer as condicións nas que o transporte urbano poida exceder o ámbito urbano para prestar un servizo axeitado a todos os usuarios que decidan usar ese transporte e evitar os solapamentos entre ambas. 

Ademais, tamén tería a obriga de traballar na coordinación dos sistemas tarifarios e de establecer as condicións nas que, nun futuro, se estableza un billete integrado que permita que calquera cidadán que se suba ao transporte público inicie e complete o seu transporte cun único billete.


Este documento de traballo será debatido na próxima reunión cos alcaldes fixada para finais de mes, co obxectivo de poñer en marcha a Área Metropolitana de Vigo nesta lexislatura.